A primeira vez que saín da casa un día de sol e vin as árbores do meu compound cheas de nórdicos, edredóns e sabas non entendía qué estaba a pasar no meu barrio… Despois cheguei á conclusión de que é en parte a súa forma de airear a roupa de cama despois do inverno. Non entendo cando o fan en días de horrible contaminación, é tamén unha formar de poñer a secar a roupa ao soliño, e como di miña nai é a mellor forma de que seque. Na miña casa para min secar a roupa na corda da horta ten todo o sentido do mundo pero a verdade non me imaxino a xente colgando as sabas na Alameda en Compostela.
O bo tempo vai empezando pouquiño a pouco… Aquí non hai estacións intermedias: o cambio do inverno ao calor do verán e moi rápido e case non se pode gozar da primavera e do outono.
Agora que se acaba a calefacción, o goberno cúrtaa como cada ano no medio de marzo, cando consideran que xa non estamos no inverno, o que non significa que o frío xa marchase…. Así para min acabouse o tender onda o radiador e comezo a considerar baixar a miña roupa interior ao arbusto de abaixo a ver se así seca… Polo de agora vou usar a galería da cociña, pero nunca se sabe se algún día baixarei coas miñas veciñas!
Déixovos as fotos que falan por si mesmas,



Non cabe dúbida de que o estilismo das chinesas e os chineses non é igual ao noso, iso fai que topes con divertidos looks pola rúa. Se ben é certo que a forma do seu corpo non se asemella moito á nosa, non é certo iso que din de que tódolos chineses e tódalas chinesas son pequeniños e delgadiños. Tamén é certo que a gran maioría das rapazas non destacan polos seus “michelíns”. Se algo aprendín desde que vivo na China é que non se poden dicir xeneralidades e menos cando estás a falar de centos de miles de millóns de persoas.
Á parte de gozar dos diferentes looks cos paraugas que xa vos mostrei, dos looks en parellas, que pronto terá segunda parte porque chega o bo tempo, hoxe vouvos ensinar peculiaridades da moda chinesa.
Un día curiosamente topeime na rúa con dúas rapazas que levaban as etiquetas postas das camiseta e do pantalón que levaba cada unha delas!

Os brillos, as puntillas, as peles sintéticas, os brocados, as teas metalizadas, os leggings estampados, sombreiros, gafas sen cristais, gafas de Hello Kitty, todo está permitido!
Hai algo que me chama especialmente a atención é o que eles consideran decoro no vestir. Na miña experiencia laboral saquei unha conclusión falando coas miñas compañeiras estranxeiras; se levas algo curto por debaixo non deberías levar escote e viceversa. Pero ben é certo que están mellor vistos os pantalóns ou unha saia mini que un escote en calquera das situacións.

O que me gusta é a mestura de raias e estampados animais, puntillas, bordados e todo o que vos poidades imaxinar nunha mesma persoa. Tamén pasa coas cores que parece que o que nós consideramos combinar non funciona da mesma forma aquí. Oín un día un comentario: que as empregadas chinesas dunha famosa multinacional de roupa occidental recibían clases de “expertos” estranxeiros para saber como combinar as prendas nos manequíns ou nos escaparates.
Noutros campos, como as empregadas e empregados dos bancos, ou as gardas do metro, os uniformes ás veces son cando menos peculiares: se ben os homes levan un traxe de chaqueta as rapazas levan falta de americana e normalmente un moño recollido cunha rede e un pasador que a min persoalmente recórdame as redes da xente que traballa nas cociñas, aínda que a destas rapazas soamente cubra o moño.

Como xa comentei non lles gusta poñerse morenos, por iso uns dos complementos que se poden ver polas rúas en cando o sol decide saír son luvas ou no seu defecto “manguiños” ata o final do brazo. Isto tamén o usan no inverno, aínda que máis pequenos a xente que traballa con comida ou cousas que ensucian para evitar marchar os puños da roupa. Tamén son populares os sombreiros, viseiras e a miña favorita, a viseira espacial!
Os homes quizais leven un estilo máis similar ao occidental, ou non tan rechamante como o das rapazas, pero para todo hai unha excepción e para min son os peiteadores…. Creo que os salóns de peiteado en si, merecerían unha entrada pero agora vou empezar polos que traballan neles. As rapazas normalmente levan uniformes a non ser que teñan mais categoría e sexan “estilistas persoais”. Os homes en cambio son facilmente distinguibles en calquera espazo. Pantalóns pitillo, botas altas, moito brillo e por suposto tinguiduras imposibles con cortes extremos.
Ata a próxima!
O outro día fun esquiar a unha das pequenas estacións de esquí que hai preto de Beijing. A verdade eu non son moi dada nestas lides, pero a excursión de fin de curso a Cabeza de Manzaneda de hai polo menos dez anos deu o seu froito, se ben é certo a estación á que fun, Nanshan, non debe ser moito máis grande ca Manzaneda. Os chineses non parecen moi afeccionados a estes patíns, algúns deles levaban vaqueiros e cazadoras de andar pola rúa en lugar de traxes semipermeables para evitar mollar as nádegas cando se perdes o equilibrio acabas sen remedio na fría neve.
As poucas pistas que hai divídense entre a dos cativos, os principiantes, dúas de dificultade media e as negras da cima, das que eu non quixen saber nada! Nas de principiantes sorprendeume ver os adicados mozos chineses tentando axudar a manter o equilibrio sobres os esquís as súas mozas. Eu creo que na cafetería dunha pista de esquí e fácil recoñecer os que fan esquí e os que fan snow, aínda que non teñan preto as táboas ou os paus. Isto tamén pasa en China, polo que hai cousas nas que nos parecemos en tódolos países!
Unha das mellores cousas do día foi respirar sen contaminación, ver o sol e mais as nubes no ceo, ademais dunha chea de avións facendo manobras para aterrar no aeroporto de Beijing que está moi preto da montaña de neve. En todo o día pasaron moitos. Souben que é o segundo aeroporto do mundo en volume de voos, despois de Atlanta nos Estados Unidos.
O que máis me sorprendeu foi o barata que resultou a excursión posto que todo non subiu a máis de 20 euros, incluída a viaxe ata aló, a uns 60 quilómetros de Beijing, o aluguer da roupa, o equipo, e as taxas por entrar. Ademais de chineses tamén había moitos occidentais que tiveron a mesma idea de aproveitar os últimos días da tempada de esquí na China. Por suposto, se aínda está a dúbida no aire eu caín e dou fe de que a neve doe en todos lados!
Fíxome graza que nin as monitoras profesionais se libran de taparse toda a cara para evitar que os raios do sol as poñan morenas. O método é poñerse o buff ata o nariz e logo as gafas de xistra e o gorro fan o resto!
Logo de case ano aquí, os chineses e as chinesas non paran de sorprenderme!

Pasou o Aninovo chinés e eu non cumprín nin os obxectivos do aninovo occidental nin do oriental! Pero o que me fai volver escribir non é isto, senón a rabia que teño por non escribir todas as aventuras e outras máis ben - desventuras, que me levan pasado na China.
Agora que xa non atronan os petardos nin os fogos artificiais ata as tantas da mañá, podo dicir que pasei con éxito o meu primeiro Aninovo Luar na China. O de luar é porque eles miden os anos segundo a lúa, e non soamente o ano para facer a celebración, senón que hai xente que emprega o seu aniversario luar en lugar do seu aniversario segundo o calendario, polo que cada ano cae nun día diferente!
Durante os días de celebración, que foron máis de 15 e non estou a exaxerar puiden ver o pouco medo que a maioría dos chineses lle teñen á pólvora. Xusto diante da fiestra da miña cociña puiden ver como tiraban fogos de artificio, pareceume incrible que saíran dunha simple caixa de cartón que dentro tiña uns tubiños, como os dos rolos de papel de cociña, de onde saía cada un dos fogos para despois facer asombrosas palmeiras de cores no ceo.
A miña imaxe dos fogos artificiais reducíase ao domingo das festas da vila, cando ás 12 da noite botaban os fogos para celebrar… Tamén é certo que dende que non hai cartos xa non os botan… Tamén ás veces tiraban bombas cando gañaba no fútbol algún equipo un partido importante, supoño que para facer rabexar ao veciño do lado do equipo contrario. Pero todo isto non ten nada que ver coa cantidade de petardos, bombas e fogos de artificio que sufrín/gocei estes días!
Os nenos pequenos prenden as bengalas, os que son un pouquiño máis maiores botan petardos e os maiores botan todo tipo de bombas e fogos de artificio. A verdade, non sei cal é o prezo destes produto na China, pero estou convencida de que moitas familias gastan centos de euros en pirotecnia. No meu compound, como se chaman os bloques de edificios que están xuntos en Beijing, puiden ver unha loita de fogos desde as fiestras que dan ao leste e ao oeste, iso si me recordou as bombas entre os afeccionados do fútbol na miña vila.
Déixovos unhas instantáneas de como quedou o chan despois de tanta pólvora e tanto decorado vermello!

Unha sinal do metro para evitar que a xente prenda os petardos preto das bocas de metro

Os restos das “palmeiras” de cores que estouparon o día antes no ceo

Os farois vermellos moi usados nestas datas
Por certo, estamos no ano da Serpe!!